Tuesday 14 de May de 2024

Arrancan as obras de pavimentación e renovación de servizos na rúa dos Remedios


A actuación supón un investimento superior aos 93.000 euros

O Concello de Riveira informa de que neste primeiro día do mes de setembro deu comezo unha nova actuación en Deán dirixida á pavimentación e renovación de servizos dun tramo da rúa dos Remedios en Deán, tamén popularmente coñecida como “Rúa das Escaleiras”.

A empresa Vías y Servicios Generales S.L. é a encargada de executar as obras, que comportan un investimento de 93.447,12 euros. O prazo de execución son catro meses.

Cómpre lembrar que xa a semana pasada arrancaba outra acción en Deán, neste caso a pavimentación do entorno de Cruceiro dos Remedios que está a realizar a empresa Serdeco Contratas, cun orzamento de 54.709 euros.

No caso da rúa dos Remedios, o tramo sobre o que se vai actuar caracterízase por unha elevada pendente, apreciándose unha zona con numerosos peldaños para salvar o desnivel existente. O pavimento actual é de formigón e atópase bastante deteriorado, con asentamentos as escaleiras. Ademais, o vial carece de rede separativa de pluviais e fecais e a tubaxe de abastecemento de auga é de fibrocemento.

Abastecemento
Co fin de solventar estas carencias, o proxecto técnico elaborado polos servizos municipais prevé a colocación dunha tubaxe de abastecemento de auga de 185 metros de longo e 75 milímetros de diámetro feita con polietileno de alta densidade e serán realizadas 16 acometidas domiciliarias.

Polo que respecta á rede de saneamento, será instalada unha tubaxe de PVC compacta de 185 metros e 315 milímetros de diámetro, con oito pozos de rexistro e 16 acometidas. E en canto a pluviais, empregarase unha tubaxe de PVC corrugado de 185 metros e 315 milímetros, con 9 arquetas sumidoiro e 9 pozos de rexistro, ademais de 16 acometidas

Pavimentación
No que se refire á pavimentación, serán empregados 300 metros cadrados de adoquín prefabricado de formigón gris, combinados con 78 metros cadrados de adoquín prefabricado de formigón noutra cor, ademais de 89,40 metros cúbicos de formigón pulido.

Esta actuación adscríbese ao Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña.